“Mátanos a sangue frío, don Alberto”: o peche de Galicia Hoxe
Héctor Juanatey | 28 junio, 2011Escribe Ramón Vilar que “a noite de pedra faise máis longa para o xornalismo en galego”. O motivo das súas palabras: o peche obrigado da edición impresa do derradeiro diario de pago en galego, Galicia Hoxe. Vilar sabe ben do que fala, pois viviuno en primeira persoa alá en xullo de 2010, cando pechou Vieiros, o primeiro medio dixital en galego que el mesmo dirixía. Por aquel entón, Vieiros publicaba unha editorial na que falaba de “pulso case heroico que seguen a manter medios imprescindíbeis como A Nosa Terra, Terra Cha Xa, A Peneira, Galicia Hoxe, O Sil, De Luns a Venres ou Tempos Novos”, apostantes todos eles polo galego. Desde a publicación desa editorial, xa desapareceron A Nosa Terra, A Peneira e hoxe, valga, Galicia Hoxe.
Logo de oito anos, 2.934 números e 130.000 páxinas, o xornal Galicia Hoxe bota o peche. Ou máis ben obríganlle a pechar. “A crise económica, especialmente virulenta no sector dos medios de comunicación, e, sobre todo, o radical recorte das axudas institucionais converten en inviable o proxecto do único diario en galego”. Esa é a versión light. A dura —e real ao fin e ao cabo— ofrécea o seu director, Caetano Díaz. Primeiro nunha carta aos colaboradores e logo a través dunha derradeira opinión impresa: “A sangue frío“, porque así os mata o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que fai co galego a súa propia novela de Capote. “Galicia Hoxe desaparece porque vostede (Feijóo) camiña diante pola corredoira do autoodio, Galicia Hoxe desaparece porque o seu Goberno lle pechou con estrondosa hostilidade as axudas que alegremente reparte noutras leiras mediáticas, Galicia Hoxe desaparece porque non estamos dispostos a dicir que chove cando o que fan é mexar por nós”.
A hipótese de Díaz xa a recolleron antes Ramón Vilar, exdirector de Vieiros, e Alfonso Eiré, director de A Nosa Terra, en sendas entrevistas concedidas ao compañeiro Henrique Mariño. “Sorprendéronme determinadas actitudes —de Feijóo—, sobre todo respecto á lingua, máis regresivas que na época Fraga”, relataba Vilar pouco despois do peche de Vieiros, e sinalaba que “Feijóo plantexou o galego como un problema, cando aquí nunca o fora”. Na mesma costa situábase Eiré, quen afirmaba que a “última causa do peche da edición impresa de A Nosa Terra é a nova política que impuxo o PP en Galicia cos seus recortes brutais das axudas aos libros e aos medios en galego”.
Das leiras das que fala Díaz tamén fai referencia Antón Losada, sempre co seu Disque na primeira páxina do diario. “É unha vergonza que desapareza o único medio en galego mentres a Xunta reparte a dedo miles e miles de euros entre medios en castelán que parten con ventaxa na competencia do mercado”, quéixase Losada. Coincide con el o profesor de Lingua e Literatura Galegas e impulsor da iniciativa cidadá BenComún, Filipe Díez: “Desde o acceso de Feijóo ao poder, todo o que cheire a lingua, cultura ou identidade galegas está a ser exterminado por activa ou, como neste caso, por pasiva”. “Resulta innegable que o reparto de axudas, publicidade institucional e convenios por parte da Xunta responde a criterios políticos moi ben definidos e orientados a dous obxectivos básicos: reducir á mínima expresión o galego nos medios e manter a docilidade da imprensa a respecto do poder”, afirma Díez. Engade Losada que “a Xunta non emprega as subvencións para apoiar a prensa en galego senón como un elemento de presión e negociación cos medios. Non lle importa a lingua nin asegurar que haxa medios en galego. O que lle preocupa é saír nos medios. Alteran a competencia non en defensa da lingua, senón en defensa propia”.
Nesta desaparición, aínda que tampouco sexamos responsables directos, si xogamos un papel importante, toda vez que moita xente non pode mercar todos os xornais que desexa para evitar así o asfaltado da carreteira que os levará ao precipicio. Así e todo o noso rol é esencial. Para Antón Losada, “o futuro da prensa galega non pode fiarse das axudas públicas; os que queremos prensa en galego temos que tomar unha actitude máis activa e apoiar eses medios comprándolles os productos e poñendo publicidade”. “Sen lectores non hai prensa, nin en galego nin en chinés”, conclúe Losada. Filipe Díez opina na mesma dirección que o anterior, para quen “o galego está deixado a súa sorte”. Díez apunta que “está en estado crítico”, pero móstrase optimista polo feito de que “un amplo sector da cidadanía galega incrementou o seu compromiso coa defensa da lingua e ten consciencia da necesidade de dar respostas aos desafíos que temos por diante”. “Se conseguimos canalizar esa enerxía cívica e masiva de xeito eficiente, positivo e prepositivo, aínda haberá esperanza de construírmos un futuro diferente do que deseñaron para nós, lonxe da nosa terra, os inimigos da pluralidade e da diversidade”. Nese optimismo sitúase tamén Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e articulista de Galicia Hoxe, quen cre que “as adversidades tamén teñen que servir para tomarmos forza, para que nos decatemos de que temos que movernos para frear a reacción. Xuntos, podemos!”.
A historia repítese e non se nos presenta doado amañala. Recorda Caetano Díaz que, aínda así, ela —a historia— “alumeará con cegadora claridade e con exactitude o rol que cada un desenvolveu neste tan minúsculo como nada pueril episodio”. Os libros, artigos ou o que sexa que poida facelo presentarán a Feijóo e ao seu equipo con brochas (“e tesoiras”, como ben engadiu Manel González, xornalista con talento neste futuro engaiolado) que pintan de negro escuro o idioma. Nós, polo que nos toca, tentaremos aparecer con papeis escritos por un oficio maltratado e con pequenos pero valerosos pinceis que buscan outorgarlle á lingua a cor que se merece.






